lunes, 2 de junio de 2014

Dereito de autodeterminación dos pobos. [GAL]

Pablo Gregorio Taboada, Licenciado en
Ciencias Políticas por la Universidad de
Santiago de Compostela con Máster en
Historia Contemporánea.                       



Nos últimos tempos, cos procesos abertos en lugares como Catalunya, Escocia, Crimea ou outras zonas do leste do estado de Ucraína, tense posto nos focos unha cuestión tan relevante na vida política como é a do dereito de autodeterminación dos pobos. Arredor desta cuestión, habitualmente marcada por sentimentos nacionais de distintas colectividades frontalmente enfrontados, acostuman a facerse xuízos fondamente marcados polo sentimentalismo, mais poucas veces se formulan posicións ou debates exentos de prexuízos. Neste artigo pretendo expor a miña opinión sobre quen debe ser suxeito dese dereito de autodeterminación e en que modelos de estado pode derivar.

Para comezar, cómpre definir ese dereito á autodeterminación. Debe entenderse como o dereito dun pobo ou colectividade a exercer a soberanía, é dicir, a decidir o sistema político que debe rexer na colectividade. Deste modo, ao facer uso dese dereito, ese pobo constitúese en suxeito colectivo soberano no ámbito político. No contexto español, esta cuestión semella clara e axeitadamente interpretada en termos xerais a día de hoxe. Porén, cómpre lembrar que non sempre foi así. Un exemplo claro está nos anos da Transición, cando a maioría das forzas políticas antifranquistas se dicían defensoras do dereito de autodeterminación para as que consideraban nacións integradas no estado. Porén, moitas delas puñan límites a ese dereito, límites tales como un pacto federal ou incluso un estatuto de autonomía similar aos plebiscitados en Catalunya, Euskadi e Galicia nos tempos da II República. A obvia incongruencia dábase no feito de defender que un pobo poida definir o sistema político que se outorga a si mesmo e, ao mesmo tempo, restrinxir o abano de sistemas que pode adoptar.

Outra cuestión a analizar é a de quen ten dereito á autodeterminación. É amplamente asumido que son as nacións as que gozan del, facendo así uso da soberanía, mais o problema parte de como definir as nacións. Nesa conxuntura xurde a clásica diferenza entre a definición organicista e a liberal da nación. A primeira pretendería definila en base a criterios pretendidamente obxectivos, que poderían ser tan diversos como a etnia, a lingua, a raza...; a segunda, pola súa banda, partiría de criterios voluntaristas, ou sexa, da simple vontade dun grupo de cidadáns de conformaren unha nación.

Aínda que ningún dos dous modelos se dá en pureza normalmente nas cosmovisións nacionalistas, os elementos da primeira predominan, en moitas ocasións, na ideoloxía dos nacionalismos subestatais presentes hoxe no estado español, como o catalán, o vasco, o galego ou o canario. Un claro exemplo de definición organicista da nación é a de Stalin, defendida, en moitos casos, por organizacións da esquerda nacionalista deses territorios. Nesa definición, Stalin considera que para existir unha nación debe existir “unha comunidade humana estable, historicamente formada e xurdida sobre a base da comunidade de idioma, de territorio, de vida económica e de psicoloxía, manifestada esta na comunidade de cultura”.

Dende o meu punto de vista, esta definición, igual que outras moitas que lle dan moito peso aos elementos organicistas, é fondamente subxectiva, xa que a realidade de case todas esas variables pode ser interpretada en sentidos opostos. Así, por exemplo, partindo de definicións como estas podería xustificarse que o actual estado español conforma unha nación, pero outras interpretacións poderían dar lugar á afirmación de que Catalunya, Euskadi ou Galicia conforman nacións propias. Deste xeito, segundo as conclusións que se saquen da análise deses elementos subxectivos, poderíaselle recoñecer ou negar o dereito de autodeterminación a unha determinada colectividade, sen poder chegarse a unha posición de consenso e obxectivamente aceptada por todos.

Isto resolveríase optando polo concepto liberal de nación. Nel, calquera comunidade que o desexase podería constituírse en nación, sen ter que cumprir con ningún requisito alén da súa propia vontade. Obviamente, os sentimentos nacionais e, polo tanto, o desexo de constituír unha nación, acostuman a vir marcados por elementos vinculados ao nacionalismo organicista, como a lingua, mais nesta alternativa eses elementos só terían o papel de poder influír no punto de vista dos cidadáns e nunca poderían considerarse definitivos á hora de valorar que é e que non é unha nación.

Así, calquera colectivo de cidadáns enmarcado nun determinado territorio (non necesariamente coincidente cunha fronteira política estatal ou infraestatal, como as rexións ou comunidades autónomas, segundo o caso) podería expresar a súa vontade de conformar unha nación e, polo tanto, exercer o seu dereito á autodeterminación, que tería a súa máxima expresión nun referendo no que participaría o conxunto de persoas que conformaría esa nación.

Para rematar, cómpre analizar a que sistemas políticos pode dar lugar ese exercicio previo do dereito de autodeterminación. Simplificando, a comunidade en cuestión podería optar por constituírse en estado independente ou por permanecer integrada no estado do que formaba parte ata entón.

No primeiro dos casos, e dende un punto de vista estritamente democrático, a decisión sería totalmente lexítima e así debería ser considerada. Deste xeito, todo demócrata debería aceptar tal decisión dun xeito natural, incluso no caso de ir en contra da súa concepción do que é a nación ou de considerar negativas as consecuencias económicas que puidese presentir de tal decisión.


Caso distinto sería se a decisión consistise en permanecer no estado. Nese caso, e sempre que a forma de enxertarse esa nación no conxunto estatal fose, conforme á decisión tomada en referendo, distinta á establecida pola lexislación do estado, debería autorizar o conxunto da comunidade estatal tal articulación, ben a través de referendo, ben mediante unha decisión tomada polos representantes políticos da cidadanía nas cortes. Para clarificar un pouco máis este caso, pódese pór un exemplo partindo do caso catalán. Como xa se dixo, se o conxunto da poboación de Catalunya, afirmando constituíren unha nación soberana, decidise conformar un estado independente, esta decisión debería ser aceptada sen máis intervención do resto do cidadáns ou representantes políticos do resto do estado. Se, por contra, decidise permanecer integrada, poderían darse varias opcións. De decidir permanecer como na actualidade, formando unha comunidade autónoma, ou se optase por ceder as súas competencias ao estado central, ambas decisións deberían darse por boas sen maior inxerencia, pois ambas están recollidas na lexislación actual (Constitución e Estatut de Autonomía de Catalunya). En troques, de optar por integrarse como un estado federado ou confederado, parte dunha hipotética federación ou confederación española, a decisión última tería que ser do conxunto do estado, xa que tales opcións non serían válidas conforme á legalidade vixente. É dicir, de querer permanecer no estado ou integrarse nalgún outro, considero que a comunidade nacional tería que adaptarse ao modelo territorial existente. No exemplo posto, Catalunya non podería conformar un estado federado ou confederado en España agás que esta, a través dos seus representantes ou do conxunto da súa cidadanía, dese o visto bo para formar un estado desas características (federación ou confederación).

No hay comentarios:

Publicar un comentario